Thursday 02 de May de 2024

Un total de 152 persoas participaron na Andaina Solidaria do Concello de Lousame a prol da Obra Social de Pediatría do CHUS


 Un total de 152 persoas participaron esta mañá na Andaina Solidaria e Belén de Cumes de Lousame. Unha iniciativa organizada polo Concello de Lousame, en colaboración coa Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH), e cuxa recadación foi integramente para a Obra Social de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

 

A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, agradeceu a colaboración de todas as persoas presentes, do voluntariado e traballadores municipais, así como por parte das empresas Atmósfera Rekord Sport, Eme Sports, Autos Comparado e Churrería Rafa con esta iniciativa, de modo que todos os cartos das inscricións e das doazóns solidarias serán entregados “para investigación e realización de actividades para os nenos e nenas beneficiarios da Obra Social de Pediatría do CHUS, que precisan da nosa axuda”. Silvia Agrafojo, quen estivo acompañada polo concelleiro de Protección Civil, José Antonio Ces Barreiro, e pola concelleira de Deportes, Mariel Agrafojo Nieto, tamén agradeceu a colaboración unha vez máis do servizo municipal de Voluntariado, Protección Civil de Lousame e Cruz Vermella de Noia

 

Dez quilómetros pola beira do río

 

Aínda que o termómetro non subía dos dez graos, o ceo estaba totalmente despexado e iso tamén animou á participación de moitas persoas, que este ano recuperaron o espírito festivo destas datas e previos á pandemia. Así, a gran maioría dos presentes acudiu portando gorriños de Papá Noel, cornos de reno e roupa típica do Nadal. Especial mención ao club Trabandainas, o máis numeroso dos presentes, así como ao significativo aumento no número de peludos que se suman a esta iniciativa.

 

Os camiñantes saíron puntuais ás 10:00 horas da praza Teodomiro Hidalgo, tras recolleren os correspondentes dorsais. A técnico municipal Mayte Sobradelo, encargada das visitas guiadas polo municipio, encabezou a andaina e foi explicándolles aos presentes o patrimonio cultural e natural polo que estaban a pasar, dende a área de lecer de Brandia, ata as ruínas da papeleira ou o fermoso enclave de San Xusto de Toxosoutos.

 

Unha vez en Toxosoutos, montouse o tradicional Belén de Cumes: un típico Nacemento con figuras de gran tamaño que cada ano se adoita montar nunha igrexa dunha das parroquias do municipio. Así mesmo, repuxeron forzas cun chocolate con churros, cortesía de Churrería Rafa, e desfrutaron dunhas panxoliñas nas voces das noiesas Maite e Chiña. O camiño de volta á praza do Concello foi más rápido e cómodo, grazas aos autobuses cedidos pola empresa Autos Comparado.